O home non sae da ventá. Este debe ser o seu mes de vacacións. Pobre a súa muller, debe ser como vivir cun cadro enmarcado cara a rúa. Ás veces espíoa, cando sae para traballar; gústanme os seus xerseis, o seu pelo, o seu sorriso.Outra vez co que será o amor, pero non creo que esta forma de vida se corresponda coa definición. Ao mellor só son compañeiros de piso; podería ser. Co prezo que teñen na cidade non é estraño que a xente comparta piso. Quizais nós deberiamos volver á aldea. Quizais.
Gústame ver as raiolas do sol petando na miña ventá. Creo que hoxe farei a comida e sorprendereino cando chegue.