Ten unha filla da idade de Sara. Seguro que tamén está feita unha moza. Todo se detivo na miña vida mentres o tempo dos demais seguiu a correr sen reparar en nada. Eles non soltaran a súa man, nin oíran os freos do coche, nin sentiran o estomballar do corpo, nin o oíran o frío ruído dos cristais. Restos de cristais espallados por todas partes, sobre o seu corpo. E eu... Eu, fría, inmóbil, incapaz de artellar unha soa palabra, cravada cos zapatos no chan. Din que desmaiei. Iso din. Eu creo que foi a covardía que acabou de arrastrarme cal lombriga visgosa.
Dóeme a cabeza. Vou ler un anaco. Xa case estou rematando. Quizais Eugénie consiga...
Charles permaneceu na sala e a súa melancolía foi respectada. Cada unha das tres mulleres tivo en que ocuparse. Como Grandet abandonara os seus asuntos, presentáronse un sen fin de persoas. O louseiro, o fontaneiro, o albanel, os que andaban cavando, o carpinteiro, os que facían os valados, os caseiros; uns para concluír tratos relativos a reparacións, outros para pagar arrendamentos ou cobrar algo. A señora Grandet e Eugénie víronse obrigadas a ir e vir, a responder ós interminables discursos dos obreiros e da xente do campo.
Nanon cobraba as rendas na cociña. Sempre esperaba as ordes do amo para sabe-lo que se debía gardar para a casa ou vender no mercado. O costume do bo home era, coma o de gran número de fidalgos campesiños, bebe-lo viño malo e come-la froita estragada.