Miro pola ventá. Sinto envexa de todo ese mundo que se move aí fóra. Por primeira vez en moito tempo lin o xornal.
E dóeme todo o que está pasando, pero é como se estivese a ver unha película, algo alleo e lonxano a min. Non son quen de centrarme nas novas, ou nos debates, ou de artellar unha opinión coherente. Eu creo que son as pastillas. Pedireille que fale coa médica e que me permitan diminuír a dose. Pouco a pouco irei superando os conflitos, sen necesidade de analizalos ou lembralos. Pouco a pouco volverei ser a Alicia que amaron, e amareinos, como só ela sabía facer.